![]() |
|
|
|
A escolma de artistas seleccionados para integrar a base de datos do Espazo Documental é realizada por un comité de asesores coñecedores tanto das diferentes áreas de actividades como das novas xeracións de creadores, sendo esta selección ampliada anualmente. A primeira selección do 2006-2007 para o Espazo Documental foi realizada polas diversas recomendacións dos seguintes profesionais: Seve Penelas, Silvia Longueira, Iñaki Martínez, Manuel Olveira, Silvia García, María Ruido, Xosé Manuel Buxán, Alberto Ruiz de Samaniego, Lola Dopico, Uqui Permui, Mónica Alonso, Xoan Anleo, Bernardo Castelo, Galería DF, Xosé Manuel Lens, Manuel Segade, Pablo Fanego, Pedro de Llano, Natalia Poncela, Xosé Lois Gutiérrez, Chus Martínez, Cecilia Pereira, Carlos Tejo, Román Padín e Kiko da Silva. O Espazo Documental permañece aberto á recepción de dossieres, e calquera outra información que un artista estime salientable e que documente o seu traballo, de todas aquelas persoas interesadas que desenvolvan unha práctica en calquera dos campos e liñas de traballo da arte visual contemporánea. Os artistas seleccionados recibiron unha carta onde se lle explicaba que e como debían enviar a información, así como un protocolo de sistematización da información e documentación do seu traballo. A información recollida foi heteroxénea e atendía a diferentes aspectos da traxectoria profesional como currículo, bibliografía, conxunto de imaxes, dossieres, entrevistas, textos propios ou alleos, material de prensa, documentación audiovisual, showreels, compilacións de vídeo en VHS, DVD ou CD-ROM, relación de webs, programas de audio e referencias diversas que serán actualizados periodicamente. Dita información foi tratada e sistematizada na base de artistas do Espazo Documental para facilitar a consulta e investigación do usuario, seguindo unhas pautas de ordenamento e sistematización. En primeiro lugar, os artistas e colectivos están ordenados atendendo ao seu nome profesional para proporcionar celeridade na busca. A información de cada artista/colectivo está composta por diferentes áreas: datos persoais, exposicións, obra en colección, selección de obra e material documental. Ofrécese así unha visión máis completa da súa traxectoria pasada e presente. Cada área de información está subdividida en diferentes campos ou rexistros que desglosan máis pormenorizadamente a información atendendo, sempre que sexa posible, a unha orde cronolóxica que se inicia na produción máis recente. A base caracterízase pola heteroxeneidade dos soportes recollidos, atendendo a diferentes tipos de documentación: gráfica, audiovisual e impresa, que se presentan de forma periódica a medida que se realice a análise documental de cada un deles. Para facilitar a consulta e investigación da documentación, a base conta cun sistema de busca con diferentes opcións e categorías de información na procura que vai do máis xeral ao máis concreto. |
||
![]() |